Quenes traballamos no sector, coñecemos a súa potencialidade, o seu avanzado nivel tecnolóxico e o seu continuo esforzo pola innovación. Nembargantes, na sociedade o sector non é tan coñecido. Un dos maiores retos que enfronta a industria forestal-madeira é darse a coñecer. Non falamos de marketing ou publicidade. Falamos de abrirse á sociedade e amosar tanto o quefacer diario como a aportación do sector á economía, á neutralidade climática ou ao benestar das persoas, entre outros impactos. Este exercicio será esencial tanto para mellorar a valoración (propia e allea) do persoal da cadea de valor, como para atraer a novas persoas que se incorporen nos distintos postos de traballo.
E, se falamos de ocupar postos laborais, o obxectivo é atraer TALENTO. Talento con maiúsculas posto que debemos aspirar a ser capaces de atraer aos mellores curriculums, con diverso bagaxe formativo e laboral.
Na reflexión sobre a posta en valor do persoal do sector e, especialmente, na atracción de novo talento, xurde o programa #ElasXeranSector. Impulsada pola Axencia Galega da Industria Forestal, esta iniciativa pretende visibilizar o rol da muller ao longo dos distintos elos da cadea.
A primeira actividade do programa, en 2019, foi unha reportaxe fotográfica protagonizada por profesionais do sector. Vinte dúas mulleres entre as que atopábamos traballadoras forestais adicadas á silvicultura, maquinistas de procesadora forestal, condutoras de transporte pesado, responsables tanto de produción como de calidade, traballadoras da liña de fabricación, responsables da certificación da xestión forestal sostible, profesoras de FP e da Universidade, e técnicos tanto da investigación básica como da innovación, así como directivas. En edicións posteriores incorporáronse artesáns, industria da biomasa, da química, da embalaxe, da xestión forestal e da arquitectura.
A recompilación pon de manifesto a presenza feminina en practicamente todos os postos do sector. Cabe destacar o abundante e crecente número de mulleres que ocupan postos de responsabilidade.
Estes exemplos seleccionáronse como recoñecemento ao seu bo facer, pero tamén na procura de roles nos que as novas xeracións se poidan ver reflexadas e por tanto atraídas pola industria forestal-madeira.
O seguinte paso no programa #ElasXeranSector foi a adhesión a ó manifesto #DóndeEstánEllas promovido polo Parlamento Europeo. Deste xeito, a Axencia Galega da Industria Forestal comprométese a incluír poñentes femininas en todos os eventos e conferencias que organice. Non se trata de que unha muller conduza o evento, se non que asuma un rol protagonista no mesmo. Con esta adhesión, a Axencia convertese na segunda entidade galega en asinar o manifesto, no que ata o momento só figuraba o COAG.
#ElasXeranSector tamén apoia a iniciativa “Mulleres protagonistas” impulsada pola Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Neste caso, a proposta centrase nas mulleres que ocupan postos directivos para recoller as súas propostas e impulsalas no seu recorrido profesional.
Como calquera outra actividade, #ElasXeranSector viuse ralentizada pola pandemia pero dende febreiro de 2021 as reunións son trimestrais. Estes encontros non teñen un enfoque feminista nin sindicalista. Son foros de debate sobre as temáticas de actualidade e sobre os ámbitos estratéxicos que posibilitarán o avance do sector. Sí se abordan cunha perspectiva de xénero e se incide na visibilización do papel da muller. Ante o enfoque participativo destes grupos de traballo, nas últimas reunións incrementouse o número de homes que participan. Profesionais comprometidos e referentes, que polo tanto serán clave no impulso da igualdade real nas entidades da industria forestal-madeira.
En paralelo a este traballo interno, estase a traballar no eido da comunicación. Impulsouse a aparición en prensa de profesionais do sector, e o seu impacto foi notable. Ademais, dende a Axencia Galega da Industria Forestal lanzouse unha liña de axudas específica para promover actuacións de formación e divulgación nas que as mulleres sexan protagonistas.
Incidimos novamente na comunicación no convencemento de que coñecer exemplos de profesionais femininas axudará a mellorar a percepción social do sector, aloxándose de estereotipos que describen unha industria machista e masculina.
A industria forestal-madeira é unha industria de vangarda na que o talento feminino participa activamente para posicionar o sector na bioeconomía.
O futuro é de madeira.